Igrexa reedificada en estilo gótico tardío s.XVI, con fachada barroca s.XVIII e torre do s.XIX.
A igrexa ten planta de cruz latina á que se adosaron a sancristía e o baptisterio. Na edificación aprécianse dous espazos diferenciados o presbiterio e a nave.
A fachada principal foi construída no século XVIII e ten aires barrocos. A torre campanario fíxose no século XIX.
No interior destacan os arcos oxivais, a bóveda de crucería, o acceso a sancristía en forma de arco conopial e tamén o sagrario pétreo policromado de estilo gótico flamíxero. Todos estes elementos son de estilo gótico tardío que se sitúan sobre os anos 1552 e 1559. Con motivo da súa restauración, detrás do retablo atopáronse pinturas renacentistas datadas entre os anos 1567 e 1589. Hai varios sepulcros, dous adosados e outros dous con estatuas xacentes correspondentes aos señores do Pazo de Des.
Despois dun pequeno templo románico do s. XIII, a presencia da Orde de Malta a través da encomenda de Beade, da que Soutolongo foi priorato, marcou a historia da parroquia e da súa igrexa. Tamén a fidalguía dominou a vida social de Soutolongo e testemuña delo son o pazo de Soutolongo de Abaixo e o pazo de Des.