Templo de estilo románico rural parcialmente modificado trala ampliación feita no ano 1846.
Esta igrexa presenta a planta tradicional dunha nave e unha ábsida rematada nun testeiro recto. Na ampliación alongouse o templo substituíndose a ábsida dándolle o ancho da nave e aproveitándose os sillares da primitiva que aínda hoxe están numerados.
A fachada principal conta cunha espadana moderna (ano 1846) de troneira única. A portada remata nun arco lixeiramente apuntado formado por dous pares de dovelas. Ten dúas columnas rematadas en capiteis entregos, con decoración vexetal, empotrados no muro e servindo de soporte ao arco. O tímpano é liso e está apoiado sobre dúas mochetas. Nos muros laterais hai vintetrés canzorros con diversas formas.
No interior un arco de medio punto doblado, con dovelas en arista, divide o espazo; a arquivolta exterior descansa sobre una parexa de columnas de fuste liso e capiteis como os da portada .
No ano 1247, nun documento que contén unha doazón, fálase de Sancti Petri de Alpiriz, e esta referencia indica que no século XIII xa existía esta igrexa.
Imaxe pétrea policromada de San Pedro que os veciños usaban hai tempo para escorrentar as tronadas poñéndoa fora da igrexa entre dous cirios e repicando as campás mentras rezaban para protexer á parroquia.
A representación de San Pedro no retablo principal é a que se saca actualmente en procesión. Vemos que leva nunha man a chave do ceo e noutra un libro. Viste túnica vermella.