Igrexa de orixe románico con modificacións posteriores que conserva elementos dos s. XII e XIII .
A igrexa mantén a planta románica que é a tradicional de nave única e cabeceira rectangular, sendo a nave de maior altura. Posteriormente anexionouse a sancristía.
A fachada principal foi reconstruída en estilo clasicista. Posúe unha espadana de dobre arco rematada por pináculos.
No interior, a parte da ábsida rectangular, ten dous tramos separados por un arco faxón. O acceso ao presbiterio realízase a través dun arco triunfal de medio punto, dobrado e de sección prismática. Ambos arcos están sustentados por columnas lisas con catro capiteis con motivos vexetais e bases con garras. O altar maior ten un retablo barroco. O exterior da ábsida está presidido polo Agnus-Dei e conserva canzorros e ventá de unha arquivolta sobre columnas acaroadas de capiteis con follas, cunha seteira no centro.
A porta lateral feita con pezas románicas ten un tímpano adornado con círculos.
Pezas da etapa románica foron utilizadas na reforma posterior e pódense ver no acceso ao faiado dende a tribuna. Apréciase claramente un crismón e tamén varias dovelas que moi posiblemente formarían parte da antiga portada románica.
Un documento do ano 1019 menciona a aldea de Anzio. Outro do 1056 xa fala da igrexa. Puido ser un templo visigótico refeito en época románica con pezas utilizadas dun mosteiro próximo desaparecido.