Castro de Sestelo

 

Castro de Sestelo

O Castro de Sestelo está situado ao sur desta aldea na marxe dereita do río Asneiro. O río describe tres meandros encaixados e o castro ubícase na fronte interior de dous deles aproveitando a rotura de pendente. Por este motivo a súa defensa resulta doada en tres direccións, quedando máis exposto no lado norte, no que se reforzarían os elementos de proteción.

A morfoloxía deste asentamento consta dun recinto pechado ou croa situado ao sur e un antecastro na parte norte.

A croa ou aurela é de reducidas dimensións e presenta unha forma lixeiramente ovalada. Está rodeada por un terraplén de altura variable que se transforma en muralla de terra de dobre cara pola parte norte. Os penedos da croa seguramente foron utilizados durante a época castrexa como abrigos para construir cabanas ao seu lado. O acceso á croa realízase por unha entrada situada ao noroeste, xustamente ao inicio da muralla.

No antecastro hai un complexo sistema de defensas exteriores, con varios parapetos, un forma de arco, e foxos. Estes elementos resgardan o castro pola súa parte norte.