Igrexa románica do século XII que é das poucas da contorna de Lalín que conserva o principal da primitiva construción románica.
Planta da igrexa de Goiás. Fonte: Románico digital.
A edificación consta dunha nave rectangular á que posteriormente se lle engadiron dúas capelas laterais e a sancristía. A ábsida é semicircular cun corpo superposto.
A fachada principal, que ten todo o sabor do estilo románico, consta de tres tramos. No central, ábrese a porta de ingreso coroada por unha dobre arquivolta, con decoración axedrezada e dous pares de columnas que teñen capiteis decorados con motivos vexetais. O tímpano é liso cunha abertura no centro que substituíu ao primitivo, posiblemente románico.
No interior, ten un arco triunfal de medio punto, columnas encostadas, con capiteis florais e baseas toscanas con garras. A clave do arco foi decorada con posterioridade con apliques de madeira e con cabezas de anxos policromados.
Na actualidade ten un retablo barroco que oculta as xanelas románicas que se abren nos muros.
Capela funeraria dos Taboada do pazo de Beilás
As familias fidalgas dos Gundín-Salgado do pazo de García Sánchez, e Taboada do pazo de Beilás, fixeron na igrexa a súa capela funeraria, o que pon de manifesto a estrutura social pacega existente durante séculos na parroquia.
A capela funeraria dos Gundín-Salgado en estilo renacentista ten unha bóveda nervada e acolle tres enterramentos feitos no x. XVII. Dous deles teñen forma prismática e tapa de planos unidos en aresta. O terceiro ten a estatua orante do abade Amaro Gundín Salgado.
Estatua orante do abade Amaro Gundín Salgado
Sepulcro xacente do cabaleiro da casa de Beilás que é coñecido popularmente como o “cazador de Goiás”.
Outro sepulcro de gran mérito ten unha figura de muller.
San Miguel é o comandante do exército de Deus e acompaña e pesa as almas no xuízo final. Na linguaxe artística da imaxinería, aparece coma un anxo con armadura de xeneral romano, ameazando cunha lanza ou espada ao demo. Así está representado na igrexa de Goiás.