Igrexa de Bermés

 

Igrexa que conserva paramentos prerrománicos e elementos románicos pero moi transformada no s. XIX.

Aparece a parroquia de Bermés nos documentos do bispo Odoario no s. VIII. A igrexa primitiva foi substituída no s. XII por outra de feitura románica. No seu entorno atopáronse varias estelas funerarias romanas dos s. I-III. Cítase a Vermes en doazóns feitas en 1076 e en 1153 ao monasterio de Carboeiro.

A planta orixinal debeu ser a habitual nas igrexas románicas rurais con nave e ábsida rectangular e únicos, pero coas modificacións abríronse sendas capelas nos laterais pasando a ter aspecto cruciforme.

 

A fachada principal remata con dous arcos na espadana acompañados dos seus pináculos. A cabeceira e a fachada occidental foron reformadas no século XIX. Nembargantes a igrexa conserva unha colección de canzorros románicos rematando a cornixa con curiosas figuras humanas e de animais. Sobre o lintel dunha das portas laterais atópase unha concha de evocación xacobea e unha cruz patada.

 

O pequeno retablo de San Roque tallado en madeira que se conserva no interior da igrexa representa ao santo con moitos dos detalles alusivos á súa vida. O can cun pan na boca, o bordón, o hábito de peregrino, a ferida na perna e un anxo.

Imaxes do interior da igrexa remodelada nos séculos XIX e XX. A importancia do conxunto estriba en que a pesar das alteracións, os elementos conservados da etapa románica indican que estamos ante un monumento dunha calidade excepcional.

Os catro capiteis románicos do século XII da igrexa de Bermés que se conservan no Museo de Pontevedra.

Incorporáronse á coleción procedentes dun depósito da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra no ano 1929. Na actualidade os de maior tamaño forman parte da Sección Lapidar que se mostra nas ruinas da igrexa de Santo Domingo. Os dous menores están reutilizados na Capela de San Telmo no edificio García Flórez.

Os de maior dimensión serían os do arco triunfal.

O primeiro deles é unha figura masculina vigorosa separando as cabezas de dous cadrúpedos que o amenazan.

O segundo co que facía parexa ten tres cadrúpedos.

Os capiteis de menores dimensións poderían pertencer ao arco faxón do presbiterio.

O primeiro presenta tres cadrúpedos e pola boca dun deles asoman unhas pernas.

O segundo ten decoración vexetal e entre ela hai unha cabeza dun animal de tipo simiesco.

Estas catro belísimas pezas foron exhibidas na exposición “Galiza no tempo” en 1991.

As catro estelas funerarias romanas que se conservan no Museo de Pontevedra.

No ano 1978, con motivo da construción dun panteón preto da igrexa á beira do Carballo Grande de Bermés, apareceron catro pedras con gravouras. Avisados especialistas en arqueoloxía da Universidade de Santiago, recolleron as lousas e trasladáronas ao museo de Pontevedra. Despois de estudalas determinouse que son catro estelas funerarias romanas.

Nº 1. DMS/CRESO/PES/ANL, Dis Manibus Sacrum/Cresopes/AnnorumLV “Consagrado ós Deuses Manes. Cresopes 55 anos”.

Nº 2. DMS/MASV/ETA/ANLXV, Dis Manibus Sacrum/Ma(n)sueta/AnnorumLXV “Consagrado ós Deuses Manes. Mansueta 65 anos”.

Nº 3. ANXXV. Annorum XXV. Traducción “De 25 anos”

Nº 4. Mostra unha decoración moi estrana con círculos e semicírculos que puido ter unha figura antropomorfa.

BIBLIOGRAFÍA:

“Unha historia de Bermés. A memoria de xentes e tempos idos”. Armando Vázquez Crespo. 2ª edición realizada pola Comunidade de Montes de Bermés e outros lugares.