Igrexa de Noceda

Igrexa románica datada entre os séculos X e XII con varias reformas posteriores a partir do século XVII.

 

O edificio consta dunha ampla nave central en cruz latina e catro ábsidas cadrangulares engadidas en diferentes épocas.

 

Na fachada principal destaca a espadana composta de tres corpos. O inferior, cadrado e cego. O intermedio de menor sección e tamén cadrado. E o superior octogonal rematado nunha cúpula. Ten remates en forma de pináculos.

 

No interior posúe un gran arco trunfal e no presbiterio a mesa do altar está apoiada nun capitel románico. Ten nun lateral unha fornalla coa Virxe das Dores con columnas e capiteis foliados.

 

Moi interesante é a capela funeraria do ano 1620 onde está o sepulcro coa estatua xacente de Gonzalo Taboada e Ulloa, que ten brasóns coas armas dos Taboada de Deza.

 

As primeiras novas sobre Noceda son do ano 959 nunha doazón a favor do mosteiro de Sobrado. Nun documento do 1019 Adosinda Gudesteiz fai doazón da vila de Noceda ao mosteiro de San Martiño de Lalín. Tamén aparece nunha concordia entre o bispo de Lugo e os Cabaleiros Templarios no ano 1254.