Igrexa de Loson

 

Igrexa románica do século XII que foi moi reformada posteriormente. Do templo primitivo consérvase a ábsida.

A igrexa está formada por unha nave rectangular e unha ábsida poligonal cun tramo recto e tres caras de exágono das que hai moi poucas en Galicia. Despois adosouse a sancristía.

A fachada principal é neoclásica. A portada é de xamba arquivoltada sen resaltes. A espadana é dobre, dun só corpo cuadrangular, rematado en cruz.

No interior, a ábsida queda oculta detrás do retablo. O arco triunfal está sostido por columnas con capiteis florais e bases con garras. O presbiterio está cuberto por unha bóveda sexpartita nervada con clave central, parcialmente oculta, decorada con pinturas góticas hispano flamencas do primeiro tercio do século XVI.

Dúas inscricións serven para situar no tempo a esta igrexa, a do exterior sinala o ano 1166 e outra no interior marca o ano 1171. Hai documentos que falan de Losón en relación co mosteiro de Piloño (1087) e logo co mosteiro de Camanzo (1096). En 1175 Pedro Alfonso fai unha doazón da cuarta parte da igrexa ao mosteiro de Carboeiro que en 1335 recupera as terras de Losón e rexenta a parroquia.

ORATE FR(ate)S IN KARITATE / D(e)I P(ro) A(n) I(m)A PETRI PECAT / ORIS Q(ui) HANC ECL(es)IAM FVND / AVIT ERA MCCIIII P Q (Orad hermanos por el amor de Dios por el alma de Pedro pecador quien fundó esta iglesia en la Era de 1204 P. Q.). La P y la Q no han sido descifradas.

No interior da igrexa e no cemiterio hai varios enterramentos da casa de Liñares. Destaca o de Vasco Taboada de Carrio,  xuíz da Terra de Trasdeza (no 1586 e 1590) e de Carboeiro (1606). No 1595 figura como procurador de Deza. A súa sepultura atópase no presbiterio do lado do Evanxeo.

Tamén está o sepulcro do Aviador Joaquín Loriga Taboada que leva unha placa conmemorativa.