Igrexa protorrománica que data do século XI e que ten o aspecto dos primitivos templos visigóticos rurais.
A edificación inicialmente compoñíase dunha ábsida rectangular e unha nave con tellado a dúas augas, e posteriormente no século XVIII engadíuselle a sancristía e a espadana coa campá.
A fachada principal ten unha portada simple, sen arquivoltas, e cun tímpano apuntado. A parte superior da nave foi refeita, gañando en altura e perdendo os canzorros primitivos.
No interior destaca o arco triunfal de medio punto que descansa sobre dous capiteis con motivos vexetais e unha figura no centro.
Na obra de restauración apareceron fragmentos de pinturas representando varias escenas e que datan do ano 1585.
A tradición oral conta que un templo primixenio preto do castro foi destruído por unha riada levando as campás ao fondo do río Arnego. No ano 1940 suprimiuse a parroquia de Palio e dividiuse entre Cercio e Rodís. A igrexa quedou con escaso uso e foise deteriorando. No ano 2005 instalouse unha cuberta metálica a xeito de tellado protector. A ansiada restauración chegou a partir do ano 2015.