Arqueoloxía e patrimonio do Monte do Carrio

 

ARQUEOLOXÍA E ARTE RUPESTRE NO MONTE DO CARRIO

O Monte do Carrio é importante non só pola súa natureza e a súa paisaxe senón tamén pola presenza de restos arqueolóxicos de moita relevancia. Polo momento, os restos máis antigos coñecidos son as mámoas, é dicir, tumbas prehistóricas con forma de túmulo de terra, normalmente cunha cámara de pedra no seu interior. Estas mámoas distribúense por todo o monte, sendo excepcionalmente numerosas algunhas das necrópoles. Entre os restos máis recentes destacan os castros, as torres medievais e outras fortificacións de cronoloxía dubidosa. Boa parte destes restos son aínda moi mal coñecidos e permanecen nun estado de semiabandono, con risco de ser destruídos, ocultos pola vexetación e dificilmente comprensibles a primeira vista, con poucas excepcións.

A día de hoxe, os restos arqueolóxicos seguramente máis adecuados para a visita son os petróglifos. Aínda así, os visitantes deben saber que estes gravados rupestres non se atopan con facilidade. Sen unha sinalización adecuada a busca case sempre é infructuosa. Incluso sinalizados, poden ser case invisibles se non se conta coa axuda dalguén que os coñeza. O mellor momento para visitalos é sempre ó amencer ou á posta do sol, cando a luz incida rasante sobre as pedras. Outra posibilidade é a visita nocturna empregando luces artificiais.

Pese a ser debuxos gravados na pedra, os petróglifos son moi delicados. Non se deben tocar as rochas máis do necesario, non se deben pisar os motivos e, por suposto, non se deben rañar, pintar nin marcar nunca con ningún tipo de material. Ademais do propio ser humano, o principal risco para a conservación destes gravados é o lume forestal, que pode destruílos por completo.

Os petróglifos son debuxos realizados polos habitantes do lugar na época denominada Idade do Bronce, é dicir, aproximadamente 2000 ou 3000 anos antes de Cristo. Nesa época as comunidades eran aínda nómadas, non sedentarias: vivían en cabanas de madeira ou materiais vexetais, cambiando o seu asentamento de cando en cando. Con toda seguridade o Monte do Carrio era un lugar especialmente apto para a vida naquel momento. Tódolos petróglifos desta zona son xeométricos, representando motivos de círculos concéntricos e similares. Non teñen aparecido de momento no Carrio nin representacións de animais, nin seres humanos, nin armas, nin outros motivos recoñecibles. Non sabemos exactamente cal foi a razón pola que os gravaron, nin cal é o seu significado. É posible que teñan que ver coa caza, co gando, coas fontes de auga, cos camiños, coas estrelas ou con calquera outra razón ideolóxica, simbólica ou relixiosa, pero a incerteza persiste. Aparte de Galicia e do norte de Portugal, hai petróglifos nalgunhas outras zonas de Europa, aínda que non demasiadas: por exemplo nos Alpes e na península escandinava. Porén, debuxos circulares xeométricos coma os galegos soamente os atopamos nalgunhas partes das illas británicas.

O primeiro petróglifo coñecido no Monte do Carrio apareceu no entorno da chamada Fonte da Anella, descuberto por Cristóbal Fernández nos anos 90 do século XX. Continúan aparecendo novos exemplos, grazas ó esforzo de moitos afeccionados, pero no Deza e en xeral no interior de Galicia son relativamente escasos se os comparamos coa abundancia presente nas Rías Baixas ou concellos como Campolameiro e Cotobade. A súa escaseza dálles aínda máis valor, se cabe.

O percorrido proposto permite ver tódolos petróglifos descubertos nas parroquias de Bermés e Méixome, que son a totalidade dos petróglifos do Carrio. O roteiro pode comezar na zona do Outeiro Grande (1), un bo lugar para deixar os vehículos. Baixo os eólicos podemos admirar unha necrópole de mámoas en moi bo estado de conservación (2) e posibles restos de hábitat, bastante ocultos. O comezo e o final do roteiro están marcados por dous grandes rochedos naturais, nos que non teñen aparecido petróglifos pero que son importantes igualmente polo seu valor xeolóxico, cultural e paisaxístico. Sen dúbida, os habitantes da prehistoria tamén empregaron esas rochas como abrigo e miradoiro. O primeiro destes rochedos recibe o nome de Pena Cabalada (3). Preto del hai unha primeira rocha cun único gravado circular pequeno (4). Este exemplo e o seguinte están moi próximos ó manancial da Fonte da Anella. O petróglifo principal deste grupo (5) é un motivo circular dobre, moi espectacular e pouco frecuente, acompañado doutros máis pequenos. Seguindo pola pista cara ó poñente hai un gravado sobre unha rocha mesmo no medio do camiño, pero moi desgastado e case imposible de ver sen luz artificial (6). Seguindo na mesma dirección, a un kilómetro e pico de distancia, chegamos ó Coto das Casiñas, onde aparece un impresionante conxunto de círculos, puntos e liñas, o máis complexo de todo o grupo (7). Non lonxe deste, máis ó oeste e xa baixando, outro motivo único e sinxelo (8). Máis abaixo, pasando a chaira denominada Campo da Guerra, aparece unha grande laxe horizontal á dereita do camiño, con varios motivos (9): algúns deles son moi peculiares, por estar formados por liñas paralelas e non por círculos, pero non son sinxelos de atopar. Preto desta rocha podemos ver, cara ó nacente, outro penedo natural espectacular, que marca un posible final do camiño: a Pena Cantadoira (10). Os que aínda teñan vontade de camiñar poden dirixirse ó lugar do Castro, en Méixome, onde hai un excelente exemplo de recinto castrexo da Idade do Ferro (11): aínda sen escavar, as enormes murallas son perfectamente visibles. O retorno pode facerse polo mesmo camiño ou pode baixarse ó val e atravesar os lugares da Lamela, O Regado, Orxás e Riádigos, ata retornar ó Outeiro Grande.

GALERÍA FOTOGRÁFICA