Castro de Catasós
O Castro de Catasós está situado ao oeste da igrexa parroquial, ubicado no alto dunha lomba e con dominio visual do territorio en tódalas direccións.
A morfoloxía deste asentamento consta dun recinto superior ou croa, de forma case semicircular e un segundo recinto, en parte destruído, adosado polo flanco sur.
O recinto superior está protexido por un terraplén amurallado no lado suroeste, e polos lados restantes é unha plataforma de recheo. No seu interior aínda se conservan algúns afloramentos rochosos de anfibolitas.
O segundo recinto corresponde a un antecastro desfeito parcialmente por diversos rebaixes e do que soamente quedaría o seu bordo occidental. Os múltiples aterrazamentos confunden e dificultan a súa delimitación, pero hai un parapeto que pecharía o recinto polo oeste.
Apréciase claramente un foxo de case cinco metros de ancho pola parte occidental, que puido existir tamén na parte norte.
A entrada á croa é por un camiño feito en tempos recentes. Da entrada orixinal apenas quedan trazas.