Igrexa de Catasós.

 

Igrexa barroca da primeira metade do século XVIII. A súa construción foi impulsada polo cura Pablo Verea.

A planta da igrexa é de cruz latina sendo as capelas laterais os brazos do cruceiro. Logo engadiuse a sancristía.

A fachada principal ten unha imaxe pétrea do apóstol Santiago. Está culminada cunha elegante espadana de dúas alturas decorada con pináculos.

No interior, o altar maior conta cun retablo barroco que está presidido por unha “M” que fai alusión á familia Montenegro do Pazo de Donfreán, benefactor desta igrexa. Na hornacina superior está a representación de Santiago apóstol. Nas inferiores están as imaxes de San Roque, a Virxe María e San Sebastián. O actual retablo substituiu a outro anterior encargado no ano 1586 ao escultor e entallador castelán Juan de Villoldo e que actualmente está na capela de Puxallos.

Nas capelas laterais hai outros dous pequenos retablos adicado un a Santa Ana e o outro a San Antonio.

Retablo barroco con Santa Ana

Retablo barroco con San Antonio

Pablo Verea foi cura nas parroquias de Moneixas e Catasós. Inscricións epigráficas deixan testemuña das obras que impulsou nestas igrexas e na capela de Belelle.

Sobre a portada esculpido en pedra coma peregrino está Santiago apóstol, patrón da parroquia. Fáltalle o brazo dereito pero ten os demais elementos característicos como son o sombreiro, a esclavina, as vieiras e o libro que representa a súa misión apostólica.

Catasós é unha das parroquias máis extensas do concello de Lalín. Nun documento de 1368 aparece nomeada como “couto de Casasoes”, e posiblemente estivo baixo o dominio do mosteiro de Carboeiro a partir do ano 1292.