Quen somos

Cremos que Lalín ten un enorme potencial en canto a rutas e lugares de interese para os apaixoados polo deporte ao aire libre. Por tal motivo, esta rede de voluntarios tomou a iniciativa de integrar a conservación do medio ambiente e da preservación do noso patrimonio cultural e histórico mediante unha experiencia divertida e en grupo.

Somos un grupo de voluntarios aberto que xurdiu a partir dunha convocatoria pública feita dende o Concello de Lalín. O obxetivo é dinamizar o enorme potencial que ten o noso Concello en canto a roteiros de sendeirismo se refire.

A paisaxe é un dos activos máis importantes que temos en Lalín e na comarca do Deza. Percorrer os camiños tradicionais é o mellor xeito de disfrutar da beleza paisaxística da que dispoñemos e tamén pode ser unha canle para dar a coñecer o noso rico patrimonio monumental, arqueolóxico, etnográfico e natural.

 

hoja

O proxecto Viarum dezae ten coma obxetivo evitar a destrucción dos camiños tradicionais de Lalín e da comarca do Deza.

Camiños, congostras e corredoiras viron pasar a nosa historia e foron e son canle de comunicación entre os nosos lugares e poden servir tamén para a difusión da nosa cultura. Teñen un valor histórico e etnográfico.

Para a realización deste proxecto, hai que partir dos traballos feitos polas asociacións hípicas, os clubs de bicicleta de montaña, as asociacións de sendeirismo e demáis iniciativas que se fixeron en Lalín. Débese contar coa opinión de todos estes colectivos. Esta idea pretende coordinar todas as aportacións e engadir novas ideas que as complementen, establecendo unha rede de roteiros permanente.

O proxecto viarum dezae é un proxecto de carácter transversal que pode dinamizar Lalín e a comarca do Deza influindo positivamente en varios sectores: turismo, medio ambiente, conservación do patrimonio, cultura, deporte e emprego.


Viarum dezae – Roteiros de Lalín

Roteiros de Lalín abre esta bitácora para ir recopilando todo o material multimedia das andainas que imos facendo. Trátase de por a disposición de toda a xente os datos necesarios para que se coñezan e se consoliden no tempo os percorridos que deseñamos.