Pontenoufe é un lugar da parroquia de A Xesta situado no Concello de Lalín.
Por esta pequena aldea de trece habitantes pasa o Camiño de Santiago que ven do sueste da península ibérica a través da Vía da Prata e que continúa polo chamado Camiño Sanabrés.
O máis característico de Pontenoufe é precisamente a ponte de catro arcos pola que se cruza o río Asneiro. No seu tempo este lugar era un paso estratéxico para peregrinos, arrieiros, feirantes e viaxeiros. Coas novas vías de comunicación foi quedando cun papel máis secundario.
Trátase dunha ponte de fábrica granítica reforzada con formigón. Pode ter orixe medieval e sería reedificada no século XVIII. Dos catro ollos consérvanse completos dous arcos en pedra de cantería, tanto as doelas como os perpiaños. Os outros dous arcos foron reconstruídos en formigón. Ten un parte augas feito en pedra rústica. O Taboleiro mide máis de 30 metros e carece de peitorís.