Igrexa de Donramiro

 

Igrexa barroca do século XVII con restos románicos pertencentes á primitiva igrexa do século XII.

A planta da igrexa é de cruz latina sendo as capelas laterais os brazos do cruceiro. Ten como engadido a sancristía.

A fachada principal organízase en tres niveis. No inferior, a portada fórmase cun arco de medio punto sostido por dous pares de columnas de fuste liso e capiteis lixeiramente decorados con motivos xeométricos; no tímpano aparece unha imaxe moderna da virxe. Na zona intermedia ten unha saeteira que facilita á iluminación do interior. Na parte superior conta cunha espadana de dobre troneira para as campás. A portada e o primeiro tramo da nave son de época románica. A igrexa está coroada por unha cruz que reproduciu Castelao no libro “As cruces de pedra na Galiza”.

No interior, o altar maior ten un suntuoso retablo barroco, posiblemente dos de máis beleza da comarca.

 

Un documento do ano 1119 menciona a Santa María de Dommo Ranemiri in terra Decie polo que a igrexa románica xa existiría con anterioridade. A reconstrución barroca acometeríase arredor do ano 1654 impulsada polo cura Don Juan López de Parga.

Hai referencias de que aos pés da Virxe dos Miragres recibiu sepultura Pedro Montenegro do Pazo de Donfreán. No sepulcro labrado en pedra, está o cura Juan López de Parga, e aos pes da fachada, o astrónomo Don Ramón María Aller Ulloa.

Chama a atención unha lousa, que pode ser o que queda do tímpano medieval, na que se aprecian dúas rosetas con cruces no centro e o monograma “IHS”. Sobre ela repousa unha imaxe de pedra de Santa María.

Pía de auga bendita e imaxe de Santiago peregrino. Pezas da época románica que chegaron ata os nosos días.

No atrio do patio de acceso ao templo, en ambos recantos, hai dúas interesantísimas pías bautismais de orixe románico.

 

Castelao recolleu a cruz antefixa da igrexa de Donramiro no seu libro Cruces de Pedra na Galiza, aínda que el prefería a denominación de “cruz cumial”. Hoxe loce coma nova grazas á recente restauración.